Eu penso que ler tamén é unha forma de vivir, unha forma de vivir fonda e plena grazas ao talento e traballo impagable das persoas autoras destas palabras que leo.
Palabras voadoras é unha colaboración de Luís Losada desde a cidade de Pontevedra para SEMPRE EN GALICIA, programa de radio en galego todos os sábados de 6h á 8h do serán, en Radio Cornellá.
Ten como tres partes, na 1ª leo directamente algúns parágrafos da obra que me gustaran e que penso que poden dar ben na radio, na 2ª falo do libro en concreto con opinións persoais ou baseadas en críticas consultadas ou de amigas/os e na 3ª falo do autor/a. A idea sería ir atraendo cos textos aos escoitantes e logo revelarlle as orixes e a autoría, non establecer nada previamente.
Supoño que non o conseguirei case nunca pero gosto de tentalo, se as lecturas foron interesantes para min, entendo que tamén poden ser para outros, inda que están incompletas e son para escoitar e non ler.

Eu penso que ler tamén é unha forma de vivir, unha forma de vivir fonda e plena grazas ao talento e traballo impagable das persoas autoras destas palabras que leo.
Palabras voadoras é unha colaboración de Luís Losada desde a cidade de Pontevedra para SEMPRE EN GALICIA, programa de radio en galego todos os sábados de 6h á 8h do serán, en Radio Cornellá https://www.radiocornella.cat/
http://semprengalicia.blogspot.com/
Os mortos que amei de Iria Collazo López Foi publicado pola editorial Galaxia na súa colección Literaria/Ronsel en xuño do 2024.
Temos lido en críticas o seguinte:
Ten un bo título que nos evoca tristeza porque fala de amor e mortos, de persoas ás que quixemos e que xa non están con nós. Un título cheo de reminiscencias que nos conduce a buscar os seus nomes na caixa das lembranzas porque todos temos mortos aos que amamos.
A frase coa que comeza “Todo o que neste libro coincide coa realidade é inventado” ponnos sobre aviso e fainos preguntar acerca da realidade na que bebe e da óptica dende a que a autora nos vai facer a narración.
Situémonos no realismo fantástico, no mundo dos avós, na aldea, nas enfermidades que van aparecendo coma se a peste estendese os seus brazos; nese tempo no que é onte pero tamén hoxe… e vai nacendo a historia. As netas déitanse na herba para ver medrar as maceiras, as premonicións cúmprense e todo sucede nun mundo no que tanto se cre nos santos como nas menciñas ou nas meigas.
A linguaxe é rica, froito do herdo activo desa xeración da que se fala; un galego que bebe desa cultura na que medrou vizoso para pintar o orbe que lle é propio. A capacidade de observación da autora tamén se mostra nesta potencia para recrear o mundo a través da lingua, para ir descorrendo as cortinas e deixando ver o que se oculta entre a fantasía e a existencia, para mirar o feitizo que se agacha no día a día daqueles que cargan anos e engurras pero sobre todo outra maneira de pousarse na terra.
O relato pasa coma un tren que non se detén, sobre o tempo da guerra e a represión así coma o medo que tinguiu de silencio e desconfianza as décadas seguintes.
Os amores son misterios porque di a autora que namorar é construír unha linguaxe e volver amar unha labor de tradución. E é que houbo tempos nos que mocear era falar, así se dicía.
Á marxe doutras cuestións que tamén aparecen no relato, como a convivencia coa dexeneración cognitiva, ese retorno á infancia que implica a vellez, mesmo a empatía que cada un dos protagonistas provoca no outro ou a historia de amor imposible (non pensedes mal!) que latexa ao longo da novela, a cuestión máis relevante, ao meu entender, é a maneira na que está narrada. Ese emprego da linguaxe, ese ton por veces poético, ese xeito de desarmarnos coa lectura, esa maneira de encarar a trama, son probas palpables de que estamos diante dunha autora de gran nivel. Iso é algo que xa sabiamos dende os seus primeiros traballos pero que, a cada paso que dá, parece definirse de maneira cada vez máis transparente.
O tamaño dos capítulos é moi desigual, dependendo da densidade do que se narre e do silencio con que se recubra para obrigar a pensar máis ou menos. Os entendidos falarán de novela ou prosa fragmentada, analizarán os parágrafos nos que se garda a contradición que envolve un mundo no que deus é bo pero o demo non é malo e o lectorado de a pé recoñecerá un imaxinario no camiño do García Márquez.

