SONUVigo é unha serie de podcasts corporativos propios da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo nos que, a través de reportaxes, entrevistas e relatos, se achegan ás e aos oíntes as historias que día a día fan UVigo.
SONUVigo, unha denominación que, por unha banda fai referencia á materia prima do podcast: os sons que conforman a UVigo, e pola outra, interpela ao sentimento de pertenza á comunidade universitaria, comeza cunha periodicidade mensual e unha duración variable, dependendo de cada episodio, aínda que se prevé sobre uns 35 minutos.
A xornalista e xefa de Prensa da UVigo, María del Carmen Echevarría Figueroa, é a encargada da elaboración do podcast.

A UVigo é unha universidade con tres campus que suman “máis habitantes” que 290 dos 313 concellos galegos.
Máis de 20.000 estudantes, docentes- investigadores e persoal técnico de xestión e de administración e servizos conforman un ecosistema no que se imparte e recibe docencia; no que se xera e transfire coñecemento e no que se multiplican as actividades institucionais, académicas, culturais e deportivas.
A Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo achégavos agora, á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, SONUVigo, un podcast no que os sons que fan Universidade de Vigo son os protagonistas.
Un espazo sonoro no que, a través de reportaxes, entrevistas e relatos, teñen cabida as historias que definen á institución e ás persoas que a integran.
Cun dobre significado, SONUVigo fai referencia, por unha banda, á materia prima do podcast: os sons que conforman a Universidade de Vigo e cos que se pretende animar ás e aos oíntes a descubrir como é a que soa a UVigo. E, pola outra, o nome interpela á identidade, ao que cada un das e dos integrantes da comunidade universitaria é. Nós, vós, ti, ela …
Porque, Eu SONUVigo, e ti?
Recibide un saúdo de Mª del Carmen Echevarría, xornalista e xefa de Prensa da UVigo, e responsable da creación, produción e realización deste podcast.
No derradeiro episodio do ano de SONUVigo saberemos que lle pide ao 2026 a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, nova Premio María Josefa Wonenburger Planells en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina. Sen saír do ámbito da investigación celebraremos o 15 aniversario de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e coñeceremos os detalles do CIMUVigo, a primeira embarcación profesional construída en España con propulsión híbrida enchufable que nuns meses estará ao servizo do Centro de Investigación Mariña da Universidade.
En páxina electoral. escoitaremos ao candidato á Reitoría da UVigo por Consenso, Jacobo Porteiro, que na súa presentación pública detallaba as liñas mestras da súa candidatura, nun proceso que compartirá con Belén Rubio e Carmen García Mateo.
E o noso alumnado ten un protagonismo moi especial neste episodio, por exemplo, o do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte do campus de Pontevedra que está a mobilizarse na procura dunha lei estatal de ordenación de profesionais do deporte. Escoitaremos a súas reivindicacións, e tamén saberemos como se está a desenvolver o UM26, o monopraza que desde hai once anos deseñan e fabrican estudantes da UVigo e que compite en Europa xunto aos vehículos doutras universidades.
Ademais coñeceremos da man, ou da voz, da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, e do vicerreitor de campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, que vantaxes e inconvenientes (ou oportunidades, segundo se mire) ten ser un campus periférico. Ademais, na páxina que habitualmente abrimos para falar de igualdade e diversidade, referirémonos á celebración do 25N e tamén ao Manifesto Universitario da UVigo polo Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025, que acaba de ver a luz, co lema: “O esencial de cada día”.
E aínda teremos tempo para recomendarvos un libro sobre e-SoundWay, unha ferramenta educativa destinada mellorar a pronuncia, comprensión auditiva, escritura e transcrición da fonética do inglés e tamén algunhas actividades da nosa Axenda, bastante alternativas ás luces e beléns, propios desta época do ano.
Recibide un saúdo de María del Carmen Echevarría, benvidas e benvidos a un novo episodio do podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo.

