ONDA CIENCIA é un proxecto de divulgación científica en formato radiofónico, realizado conxuntamente por CUAC FM e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña (Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte).
ONDA CIENCIA aborda diferentes temáticas de actualidade dende unha perspectiva crítica e baseada na evidencia científica. O formato do programa é un coloquio no que participarán profesorado e/ou persoas investigadoras da UDC, expertas nunha temática concreta sobre o que versará cada programa.

Onda Ciencia é un proxecto de divulgación científica en formato radio e podcast, desenvolvido pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña e CUAC FM,a emisora comunitaria da Coruña.
En cada entrega, propoñemos unha aproximación interdisciplinar a un tema de actualidade, da man de voces expertas da UDC. Cun formato de faladoiro, persoal docente e investigador de diversas áreas do coñecemento debulla cuestións de interese social desde unha perspectiva crítica e sustentada na evidencia científica.
Nas tres tempadas anteriores, Onda Ciencia puxo o foco en debates xurídicos e sociais de gran calado como a protección xurídica da liberdade sexual, a desinformación ou discurso de odio nos medios e nas RRSS, os retos e potencialidades da Intelixencia Artificial, o coidado da saúde mental, o galego no SXXI, a xenofobia e o racismo desde unha perspectiva interseccional, urbanismo sustentable, o impacto do cambio climático na Coruña, ou o uso do galego na IA. Todos eles exemplifican o compromiso deste proxecto coa sociedade, co rigor e coa pluralidade na divulgación científica.
Podes escoitar ONDA CIENCIA en CUAC FM:
Os martes, ás 13:00 horas no dial 103.4 da FM, a través da web de CUAC FM, nas aplicacións móbiles para Android e Apple ou no teu altofalante intelixente.
En calquera momento-lugar a través do repositorio de podcasts de CUAC FM.
Tamén podes revisar os episodios das tres tempadas de ONDA CIENCIA nos espazos de CUAC FM en Youtube, Spotify, Acast, ou Ivoox.
ONDA CIENCIA é unha iniciativa da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña desenvolvida conxuntamente con CUAC FM.
Equipo técnico:
Idea, proposta de temáticas e preprodución: Yolanda Golías Pérez e Mª Cristina Naya Riveiro.
Produción, presentación e condución do programa: Isabel Lema Blanco.
Control técnico: Chema Casanova.
Postprodución e difusión en redes sociais: Miguel Anxo Facal.
O proxecto conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Onda Ciencia ponlle o ramo á súa cuarta tempada cun dos debates máis intensos, complexos e estratéxicos que afronta o noso territorio hoxe: aquel sobre o modelo de implantación da enerxía eólica en Galicia.
Nun contexto de transición enerxética global cara á descarbonización, Galicia sitúase como un actor xeotáctico clave. Pero, a que custo? É posible o equilibrio entre o progreso industrial e o respecto á nosa terra? Neste último episodio, en Onda Ciencia analizamos o impacto dos muíños de vento desde unha tripla perspectiva: a riqueza do noso patrimonio e da nosa paisaxe cultural, as innovacións tecnolóxicas da eólica mariña mar a fóra (offshore) e a balanza económica entre os custos locais e os beneficios globais. Para afondar nesta realidade, conversamos con tres voces expertas da Universidade da Coruña (UDC):
– Vicente Díaz Casás. Profesor titular na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais do Campus Industrial de Ferrol). É especialista en deseño naval, seguridade marítima e enerxías renovables mariñas.
– Aurora María Grandal D’Anglade. Profesora titular na Facultade de Ciencias da UDC. Dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía. É membro do Centro Interuniversitario de Investigación de Paisaxes Culturais Atlánticas (CISPAC).
– Fernando De Llano Paz. Profesor titular na Facultade de Economía e Empresa da UDC, director do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas (GREFIN), e experto na análise de políticas enerxéticas e climáticas de ámbito europeo. Foi tamén o coordinador do informe O sector enerxético en Galicia: presente e futuro, publicado en 2023 polo Consello Económico e Social de Galicia.
CONTIDO DO PROGRAMA
O coloquio parte do marco normativo europeo para debullar as tensións sociais e financeiras derivadas dun modelo que a cidadanía adoita percibir sen un retorno económico real no rural, para propoñer estratexias políticas que garantan que os beneficios revertan directamente nas comunidades locais. Así mesmo, abórdase a pegada identitaria e ambiental que a proliferación de parques supón para a riqueza xeolóxica e paisaxística galega, aspecto respecto do cal se fai énfase na necesidade de salvagardar unha «cadea de valor» do noso patrimonio sen que este sexa sacrificado en prol da sustentabilidade. Finalmente, a mirada esténdese cara ao mar para analizar os retos tecnolóxicos e industriais que implica o desenvolvemento da eólica mariña no noso litoral, para rematar cunha reflexión urxente sobre a folla de ruta necesaria –nun momento de alta xudicialización dos proxectos– para acadar un verdadeiro pacto social en Galicia que equilibre a urxencia das enerxías limpas coa protección integral do medio.
Con este programa, en que se reafirma o compromiso da UDC e de Cuac FM por achegar a ciencia, o pensamento crítico e o debate social á cidadanía, ONDA CIENCIA pecha o curso.

