Conversas con persoas con vidas e historias interesantes 😉

Podcast, mellor falangullo, emitido desde Coia (Vigo). Intéresanos escoitar a persoas que teñen vidas inspiradoras. Media hora de programa para coñecer as súas historias contadas por elas mesmas. Podedes escoitar todos os podcast na web: http://alicerces.arkipelagos.net/radio-manoplas
A duodécima entrevistada da sexta tempada é Charo Lopes Sánchez.
Naceu nunha das vizosas vilas da comarca do Barbanza: Boiro. Antes de partir cara a Compostela, onde estudaría Xornalismo, encetou —xunto a outras compañeiras e, ás veces, coa influencia dalgúns docentes— unha vida na que o interese pola política e a cultura agromaba.
Charo vive a beleza a través da escrita e da imaxe. Escribe en galego internacional, tamén chamado reintegrado, e exprésase tanto na poesía como noutros formatos creativos. Aproveitando que gravamos a entrevista nos locais parroquiais do Cristo da Vitoria, falamos do libro Begonha Caamanho, uma das nossas, no que Charo participa cun fermoso texto que percorre a traxectoria desta muller.
Na fotografía, con frecuencia a través do retrato, Charo cuestiona e reclama outro xeito de nos relacionarmos coa imaxe. Ao tempo, propón miradas críticas e creativas, como as que se poden atopar na revista dixital na que participou: caleidoscopica.gal
Chama a atención como o feminismo se entrelaza coa vida de Charo. Un exemplo disto é a súa participación como fotógrafa no proxecto “Homes de Coidado”, da UVigo.
Rematamos coa ollada de Charo sobre a militancia independentista, unha experiencia que lle permitiu, a ela e a outras compañeiras, convivir e relacionarse con sectores da sociedade habitualmente empobrecidos, encarcerados ou marxinados.
Rematamos esta estimulante conversa con Charo coa peza: “No somos nada”, de La Polla Records.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes na nosa web: radiomanoplas.org e nas principais plataformas.

