Unha pedra no zapato é algo incómodo que te obriga a parar e observar o interior do calzado para baleiralo. Pois do mesmo xeito, vou tratar temas que son as miñas “pedras no zapato” e expoñelos convidándovos á reflexión, á pausa e a viaxar cara o interior.
Son Rosalía, artista e auto-indagadora, e este será un punto de encontro no que abrazarnos xenuinamente humanas e imperfectas.
Conectemos aquí e agora en galego!

Unha pedra no zapato é algo incómodo que te obriga a parar e observar o interior do calzado para baleiralo. Pois do mesmo xeito, vou tratar temas que son as miñas “pedras no zapato” e expoñelos convidándovos á reflexión, á pausa e a viaxar cara o interior. Son Rosalía, artista e auto-indagadora, e este será un punto de encontro no que abrazarnos xenuinamente humanas e imperfectas. Conectemos aquí e agora en galego!
O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. É importante conmemorar a nosa lingua e as persoas que a desenvolveron no ámbito literario. Escribir implica un estudo e unha investigación das que non somos conscientes como lectoras. Pensamos que cando unha persoa escribe poesía, unha novela ou un texto teatral é por certo don innato, mais calquera arte require dedicación para desenvolverse así que moitas grazas a todas esas persoas que cultivan a nosa lingua escrita para coroala con obras literarias.
Así e todo, a lingua oral é a xénese. É dicir, sen as falantes non poderiamos chegar a ter unha representación escrita da nosa lingua. Ademais, se non hai persoas que falan un idioma, este extínguese. Cada unha de nós falantes temos un impacto enorme na vida da nosa lingua e creo que tampouco somos conscientes diso. Cada escolla que facemos, consciente ou inconscientemente, ten repercusións no noso idioma.
Hai persoas que aducen que o galego só serve para Galicia e que por iso non paga a pena estudalo, coidalo nin falalo. Deixádeme dicirvos que se só imos falar un idioma polo número de falantes que ten e por razóns prácticas, económicas, laborais e de estratexia empresarial; entón só deberiamos falar inglés, mandarín e hindi. Falar a lingua materna vén dunha vontade comunicativa visceral e de conexión coa túa raíz, co teu clan. Non obedece á razón, senón ao corazón.
Cantos máis idiomas falemos, mellor para nós pois cada lingua é unha maneira de ver o mundo, é o sentir dun pobo feito palabra, é unha chave para entrar nunha cultura diferente volvéndonos máis respectuosas e humildes.
Quero aproveitar a celebración das nosas Letras para eloxiar tamén ás persoas da aldea pois durante moitos anos foron salvagarda do idioma galego antes de instituír unha gramática ou unha Real Academia.
Hai que coidar do enxebre do noso acervo lingüístico, pero tamén hai que dar cabida a aquelas novas palabras que xorden porque senón o idioma queda afastado da realidade vital das falantes e estas pasan a utilizar palabras emprestadas ou roubadas a outros idiomas que si están recollendo ditas actualizacións.
